Cristina Len: a voz dunha xeración
Ola, moi bos días a todos e a todas! O outro día estiven reflexionando sobre o moito que te podes chegar a identificar coas cancións desta gran artista que vos quero presentar, polo que decidín compartir con vós o que pasaba pola miña cabeciña. Pode que este post sexa unha mera escusa para falarvos de Cristina Len, pero non pensedes que o vou a recoñecer sen a presenza do meu avogado. Para quen non a coñeza, Cristina Len é unha cantante catalá que se move entre diferentes estilos, dende o r&b ata un estilo máis urbano. So fai falla botarlle un ollo ao seu perfil de Spotify para apreciar a gran versatilidade que posúe como artista. Se premedes aquí, accederedes a unha playlist que inclúe todas as súas cancións.
Gústame pensar que esta rapaza é a sad girl que España necesitaba con urxencia, a persoa que lle canta ao desamor con frecuencia e que lle pon letra a moitos sentimentos e situacións que gran parte de nós vivimos. Non fai uso de grandes metáforas, nin de palabras moi complexas ou rebuscadas. Cunhas letras sinxelas e directas, acertadas e correctas, narra situacións tan comúns como o sentimento de rexeitamento cando a persoa que che gusta pasa de ti. Disto precisamente fala "Sudas de mí", un tema que lle produciu moitas delicias a esta artista e coa que xa apuntaba maneiras e nos daba unha pista do grande que é como artista. Unha canción chea de seguridade, de amor propio, na que decide pórlle fin a esa relación. "Sudas de mí" acaba cunha frase retadora que me gusta moito, dirixida á persoa que tantos quebradeiros de cabeza lle causou: "Atrévete a sudar de mí otra vez".
Agora, dispóñome a falar da miña canción favorita de Cristina Len e, como non podía ser doutra maneira, é unha balada. Cantas veces botaches fóra da túa vida a unha persoa, aínda que por dentro querías que non se fose? En cantas ocasións esperaches que esa persoa voltase, a pesar de ser ti quen a animou a afastarse? Disto fala "Vete ya". Dese desexo irracional de que unha persoa pelexe por ti, loite polo que tedes ou tivéstedes, sen importar se esa relación era a máis sa, ou a máis axeitada. Todos queremos sentirnos queridos, sentir que lle importamos o suficiente á outra persoa como para que esté disposto a acompañarnos na nosa travesía a través dun mar bravo. A canción, igual ca a nosa xeración e ca a todas as anteriores, é unha pura contradición. Durante os catro minutos que dura esta, Cristina insta e rógalle a esa persoa que se afaste dela, que se vaia sen pechar a porta; mais acaba o tema afirmando que xa non ten claro se quere que se marche ou non.
Pasemos a "No te pilles", un tema máis movido producido por Gese Da O ("Alabame" de Nathy Peluso). Podería ser un himno xeracional que canta sobre esa necesidade de protexernos do perigo, que neste caso non é nin máis nin menos ca o amor. Helen Fisher nunha interesante charla que mantivo con Aprendamos Juntos realizou unha curiosa comparativa das relacións amorosas da nosa xeración e as de fai cinco lustros. Nos tempos que corren, segundo esta "experta" no amor, tendemos a tardar máis en comprometernos con outro individuo, en concreto unha media de dez anos máis. Deixando de lado os diferentes contextos que nos separan e que deixaban en tempos pasados á muller como un ser destinado simplemente a casarse e a ter fillos, a nosa xeración ten unha gran preocupación por atopar o amor, o amor verdadeiro. Non obstante, tamén posuímos moitas inseguridades, algunhas delas vinculadas ao sufrimento que nos chegar a causar unha relación. A dor que sentiremos se a outra persoa involucrada non se pilla, se acaba sudando de nós, ou se simplemente decide acabar coa relación que nos une. Anhelamos ser queridos e atopar o amor, pero sen sufrir. Cristina antes de lanzar o tema presentou sete interesantes, e moi certeiros, mandamentos para non pillarse. Entre eles está non quedarse a durmir coa persoa que te atrae, nin presentarlle as túas amizades, nin buscar a compatibilidade dos vosos signos do zodíaco. De nada serven estas recomendacións, como afirma Cristina Len, porque vas acabar pillándote.
Poderíamos pórlle á súa música a etiqueta "melancólica" debido ás temáticas que aborda nas súas cancións; mais dentro de todo este intimismo e fraxilidade que demostra ao expoñer os seus sentimentos e incertezas, en ningún momento perde esa forza e seguridade que amosa Cristina nos seus temas. Sexa unha forza finxida, real ou unha mera apariencia, a verdade é que esta característica é unha das máis destacables da súa figura como artista. Despídome deixando aquí as súas redes sociais para que poidades cotillear todos os seus perfís e seguila xa que estades. Apetecíame moito publicar isto, aínda que non é nin de lonxe algo medianamente decente. Moi boas noites a todos e moita sorte.
INSTAGRAM: https://www.instagram.com/crisherlen
TWITTER: https://twitter.com/lacristinalen
contacto: calmadinhaa@gmail.com


Qué bien escribes,hija mía
ResponderEliminar